Buscar por

XX Premio Risco de creación literaria – 6.000€ #concursosliterariosgalego

O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, convoca un premio anual de CREACIÓN LITERARIA, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta cidade.

Ao PREMIO RISCO DE CREACIÓN LITERARIA do xénero narrativo, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.

Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes BASES:

Primeira
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.

Segunda
O prazo de entrega remata o venres día 20 de setembro de 2019 e o lugar de presentación será no Rexistro Xeral do Concello de Ourense (Praza Maior, 1-Ourense 32005).

Terceira
As obras presentaranse preferentemente en formato dixital: CD que inclúa na cuberta XX Premio Risco de creación literaria, título e lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora: nun arquivo de tratamento de texto Word ou Open Office e tamén en PDF.

No cao de optar pola presentación en papel, os orixinais presentaranse por quintuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra tipo Times New Roman de corpo 12.

Para garantir o anonimato de autoría, os orixinais irán acompañados dun único sobre pechado, no que constará unicamente no seu exterior o título ou lema da obra; no interior incluirase unha copia do documento de identidade, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, breve relación de méritos e unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, até a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.

Cuarta
A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e esta cantidade estará suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables.

O importe do premio concederase con cargo á aplicación orzamentaria 200 3340 48951 do orzamento do Concello de Ourense prorrogado para o exercicio 2019.

Quinta
O Xurado estará composto por persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.

Sexta
Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

Sétima
O/A beneficiario/a do premio cede a favor do Concello de Ourense o dereito de reprodución e distribución da primeira edición, que deberá realizarse nun prazo máximo dun ano desde a data de concesión do premio, tendo o premio a consideración de anticipo polos dereitos de autor. O premiado recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Así mesmo, a persoa gañadora do premio formará parte do Xurado na seguinte edición.

Oitava
Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.

Novena
En caso de ser premiado, o autor comprométese a declarar baixo a súa responsabilidade o carácter inédito e non premiado da súa obra, o seu total sometemento ás bases do concurso, así como a pórse a disposición do Concello para a posterior promoción e difusión do premio e da obra editada.

Décima
O feito de participar neste Concurso implica a total aceptación e conformidade destas Bases.
Todas as incidencias non previstas nestas Bases serán resoltas pola Concellería de Cultura ou polo Xurado cando este quede constituído.

Décimo primeira
Para calquera dúbida, discrepancia, reclamación ou cuestión que poida suscitarse sobre a interpretación e execución destas bases, as partes renuncian ao foro propio que puidese corresponderlles e sométense expresamente á xurisdición dos Xulgados e Tribunais de Ourense.

Décimo segunda
A persoa gañadora autoriza o tratamento de datos persoais e a súa inclusión nun ficheiro xestionado polo Concello de Ourense coa finalidade de estatística. A persoa interesada poderá exercitar en todo momento os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición recoñecidos na Lei Orgánica 15/1999 mediante correo electrónico a cultura@ourense.es ou por correo ordinario á Concellería de Cultura (rúa da Canle 2– 32005 Ourense)

Ourense, maio 2019